A festa do comercio local “Prima 25” celebraráse do 5 ao 7 de xuño e encherá as rúas de música, pasarrúas e propostas de animación infantil. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe a programación “que quere animar as vendas no pequeno comercio, poñer en valor a experiencia de compra presencial nos establecementos de barrio, e atraer novos perfís de clientela”. A tenenta de alcaldesa fixo unha chamada ao tecido comercial a sumarse á festa sacando os seus produtos á rúa e adornando os seus establecementos e escaparates para a ocasión.
O Concello de Santiago, a través da Concellaría de Promoción Económica, e a Cámara de Comercio colaboran un ano máis na posta en marcha de diferentes actividades de información e formación para fomentar o espírito emprendedor e mellorar a competitividade das empresas de Compostela. Ese é o obxectivo do convenio presentado hoxe pola tenenta de alcaldesa, María Rozas, a presidenta da Cámara de Comercio, María Pais, e a secretaria xeral da Cámara, Rosa Mary Cardeso. O Concello destina a este programa un orzamento de 75.000 euros.
A Unión de Cooperativas Espazocoop, en colaboración co Concello de Santiago, pon en marcha un Programa de Formación Especializada de Cooperativas, co obxectivo de contribuir á consolidación das empresas de economía social e divulgar o seu labor. Haberá tres cursos especializados, con inscrición gratuíta.
O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases da convocatoria dos Bonos Corazón Compostela 2025, de maneira que os establecementos comerciais e hostaleiros interesados en adherirse á campaña poderán facelo a partir do mércores, día 14. Dous días despois, o 16 de maio, abrirá o prazo para a descarga dos bonos.
Goretti Sanmartín compareceu acompañada polos concelleiros de Convivencia e Seguridade Cidadá, Xan Duro, e de Servizos Básicos, Xesús Domínguez, para dar conta da volta á normalidade do municipio tras o apagón e do operativo creado para responder á falta de subministración eléctrica durante unhas 18 horas. A alcaldesa salientou o esforzo dos servizos municipais, o comportamento exemplar da veciñanza, e o papel esencial do comercio e da hostalería de proximidade.
Santiago volve á normalidade tras o apagón xeralizado sufrido no día de onte que se saldou sen grandes incidencias. “Podemos parabenizarnos do civismo e a tranquilidade da poboación, á que temos que agradecer a normalidade coa que discorreron estas longas horas sen subministración eléctrica”, subliñou a alcaldesa, que presidiu un gabinete de emerxencia coas concellarías de Servizos, Seguridade, Educación, Servizos Sociais e de Réxime Interior unha vez confirmada a noticia “de que se trataba dun corte de subministración importante, que podía ter consecuencias no funcionamento dos servizos”. Sanmartín tamén salientou que se mantivo en contacto tanto coa Delegación e Subdelegación do Goberno como coa Xunta de Galicia e tamén coa comisaria de Santiago, Nuria Palacios, “a quen lle agradecemos toda a dispoñilidade e colaboración”.
Goretti Sanmartín e María Rozas visitaron a nova sede de EspazoCoop, unhas instalacións compartidas con outras entidades como a Coordinadora Galega de ONGDs, Banca Ética Fiare, Coop57 e a Rede Galega contra Pobreza
A campaña "12 Comercios, 12 Sensibilidades" chega en abril á tenda de alimentación D´Aldea, que hoxe recibiu a visita da concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas. O establecemento colabora con Abeiratúa, unha asociación dedicada a mellorar a calidade de vida das persoas con cancro a través do exercicio físico e o apoio integral.
O departamento de Comercio convocará este ano dúas campañas do programa Bonos Corazón, a primeira delas no próximo mes de maio. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, explicou que “atendemos así unha demanda do sector, co obxectivo de dinamizar o comercio nas dúas épocas do ano nas que adoitan baixar as vendas”. A segunda fase do programa volverá ser en outubro.
A tenenta de alcaldesa, María Rozas, participou no acto de entrega dos VII Premios CEGASAL a administracións, empresas, e profesionais dos medios de comunicación que demostraron un fime compromiso coa inclusión laboral das persoas con discapacidade e cos Centros Especiais de Emprego sen ánimo de lucro.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presentou este martes o Plan de acción integral (PAI) Horizonte Compostela co que o Concello aspira a captar fondos europeos Feder da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL) para proxectos de transformación cruciais no norte da cidade. Santiago aspira a un máximo de 20 millóns de euros, dos cales 12 (o 60%) serían a parte da axuda europea e os 8 millóns restantes cofinanciamento municipal. O plan inclúe tres grandes proxectos co foco posto na sustentabilidade, a accesibilidade e a inclusión, que buscan impulsar unha das zonas menos favorecidas da cidade. Na rolda de prensa, a alcaldesa estivo acompañada da primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas.
O PAI Horizonte Compostela inclúe 13 actuacións concretas integradas en tres proxectos e nunha estratexia global que busca “crear sinerxías entre os distintos elementos, facendo que haxa unha especie de cosmos particular cunha intervención integral”, defendeu a rexedora. O primeiro, Santiago transforma, enfócase na creación de novos equipamentos sociais, culturais e deportivos e na vivenda dotacional; o segundo, Santiago Accesible, oriéntase á accesibilidade urbana, desde un punto de vista integral; e o terceiro, Santiago Resiliente, céntrase na adaptación ao cambio climático.