Santiago investirá 14 ,5 millóns para transformar o noroeste da cidade co apoio dos Feder
O Concello de Santiago de Compostela investirá 14,5 millóns de euros en actuacións que permitirán transformar o noroeste da cidade co desenvolvemento do Plan de acción integral (PAI) Horizonte Compostela. Do total do investimento, o 60 por cento procede de fondos europeos Feder da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL) e o 40% restante correspóndelle ao Concello.

“Compostela acaba de obter unha importante subvención de fondos europeos que nos permitirá impulsar unha cidade máis sustentable, accesible e inclusiva. Suporá investir 14,5 millóns na transformación da zona noroeste da cidade para reverter a situación de vulnerabilidade e menor dinamismo”, subliñou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, en referencia a ámbitos como a Almáciga, Vite e Salgueiriños.
Sanmartín lembra que o Concello xa está actuando neste ámbito con obras como a reurbanización da rúa García Lorca e ten proxectadas outras accións, como a rehabilitación de cinco edificios municipais en Caramoniña. “Parabenizámonos de ter acadado este importante investimento para a capital galega, con proxectos solventes para a transformación de Santiago. Un investimento que nos permitirá seguir avanzado no obxectivo deste goberno e no noso compromiso de que Santiago será diferente en 2027 e en 2031. Temos un horizonte claro e unha folla de ruta definida para mellorar a calidade de vida da xente”, sentenciou.
O PAI Horizonte Compostela inclúe tres grandes proxectos co foco posto na sustentabilidade, a accesibilidade e a inclusión, que buscan impulsar unha das zonas menos favorecidas da cidade. Trátase de Santiago Transforma (enfocado á creación de novos equipamentos sociais, culturais e deportivos e vivenda dotacional), Santiago Accesible (orientado á accesibilidade urbana, desde un punto de vista integral) e Santiago Resiliente. (centrado na adaptación ao cambio climático).
As actuacións responden a necesidades funcionais e xerarán contornas máis habitables, resilientes e socialmente equitativas, contribuíndo de maneira significativa aos desafíos que propón a Axenda Urbana Santiago de Compostela (EDIL-AUS) aprobada polo pleno municipal en setembro de 2022, referidos a aspectos como o acceso á vivenda, conservación do patrimonio natural, fortalecemento dos ecosistemas sociais e culturais ou saneamento e abastecemento, entre outros.