• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

En marcha unha nova convocatoria dos Bonos Corazón, que estarán dispoñibles para a súa descarga a partir do próximo xoves

Data de escritura

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases da convocatoria dos Bonos Corazón Compostela 2025, de maneira que os establecementos comerciais e hostaleiros interesados en adherirse á campaña poderán facelo a partir do próximo luns, e os bonos estarán dispoñibles para a súa descarga desde o xoves, 16 de outubro.

O Concello, a través do departamento de Comercio, destina 300.000 euros a esta nova quenda do programa, que se suman aos 300.000 repartidos na convocatoria do mes de maio.

Bonos Corazón Compostela 2025

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, deu conta dos prazos e condicións dos Bonos Corazón, unha vez publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia. A tenenta de alcaldesa lembrou que esta convocatoria, que conta cun orzamento de 300.000 euros, “súmase á executada no mes de maio, de maneira que o Concello destinou un total de 600.000 euros aos Bonos Corazón neste ano, 150.000 euros máis que en 2024”. María Rozas lembrou que “foi o propio tecido comercial o que demandou realizar dúas convocatorias, mudando tamén as datas habituais da convocatoria para que os Bonos Corazón permitiran dinamizar as vendas en momentos do ano máis complicados para o sector”. Na quenda de maio, os Bonos Corazón permitiron mobilizar case un millón de euros nos establecementos locais con 15.000 bonos descargados.

Segundo se recolle nas bases, os establecementos comerciais e hostaleiros poderanse adherir á campaña desde o próximo luns e durante o prazo dun mes. En canto á descarga dos Bonos Corazón, o prazo comezará o xoves, a partir das 9.30 horas, e ata que se esgote o crédito dispoñible. O prazo para gastar os bonos será dun mes, e transcorrido ese prazo os bonos non trocados caducarán.

Como en anteriores edicións anteriores, os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización na APP Wallet. O importe dos Bonos irase reducindo ata o seu esgotamento, e poderase utilizar nunha ou en varias compras. Haberá unha única modalidade de bono cun valor de 50 euros, dos que o Concello achegará 20 euros e a persoa solicitante os 30 euros restantes. Cada persoa poderá solicitar e obter ata tres bonos. Tamén se establece un límite de gasto en cada establecemento, que será de 15.000 euros con cargo ao 40% dos Bonos Corazón que corre a cargo do Concello.