O CERSIA acolle unha xornada formativa sobre axuda humanitaria e cooperación desde os concellos
O edificio Cersia acolleu hoxe o curso “Saber doar. A axuda humanitaria desde os concellos” impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade do que fai parte o Concello de Santiago. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, abriu a xornada reivindicando “o papel relevante que debemos ter as administracións locais en materia de axuda humanitaria e cooperación internacional, un convencemento co que traballamos desde o Concello de Santiago”.
A tenenta de alcaldesa agradeceu ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o seu traballo, e ás persoas asistentes ao curso “o interese, vontade e compromiso cun asunto que demasiadas veces se cuestiona que teña algo que ver co traballo que debemos abordar desde os concellos: a axuda humanitaria e a cooperación internacional”. María Rozas sinalou que é fundamental abordar estas cuestións “con coñecementos, certa preparación, e moita coordinación”. Tamén puxo en valor o compromiso do Concello de Santiago coa cooperación internacional, “cunha convocatoria de subvencións á que destinamos 400.000 euros e da que nos sentimos profundamente orgullosas”.
O curso ‘Saber doar. A axuda humanitaria desde os concellos’ estaba dirixido ao persoal político e técnico da administración local, pero tamén ao tecido asociativo. O obxectivo era dar a coñecer como se debe planificar, xestionar e coordinar a axuda en situacións de emerxencia, como a que se producía hai xusto un ano pola DANA de Valencia, ou derivadas de conflictos internacionais. Nese sentido, no curso ofrecéronse as pautas para atender as necesidades reais da poboación, e evitar que os problemas na xestión da axuda poidan traducirse nun agravamento da crise. Tratábase, en definitiva, de fortalecer as capacidades institucionais para exercer unha acción solidaria informada e ética, respectuosa coa dignidade e os dereitos das persoas damnificadas.
O Concello de Santiago destinará 400.000 euros á nova convocatoria de subvencións de cooperación ao desenvolvemento, “mantendo o orzamento do ano pasado, o máis alto desde a creación desta liña de axudas”. Explicouno a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, despois de que a Xunta de Goberno aprobara as bases da convocatoria, que introducen algunhas modificacións con respecto ao ano pasado para simplificar a tramitación das subvencións e adaptarse ás novidades lexislativas en relación ás axudas o ámbito da cooperación ao desenvolvemento.
A convocatoria está dirixida ás Organizacións Non Gobernamentais de Desenvolvemento, para a realización de proxectos concretos de cooperación en países empobrecidos, que poderán recibir unha axuda máxima de 40.000 euros. As solicitudes deberán presentase no prazo de 15 días hábiles, contados a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. O orzamento total da convocatoria é de 400.000 euros, “a mesma contía que o ano pasado, e un 138% máis que a nterior convocatoria, realizada en 2022”. María Rozas explicou que “desta maneira, o Goberno de Santiago confirma o seu compromiso coa cooperación ao desenvolvemento e co obxectivo de termos un concello verdadeiramente solidario”. De feito, apuntou, “Santiago segue sendo a entidade local de Galicia que destina máis fondos a unha convocatoria destas características”.
Novidades na convocatoria
As bases da convocatoria de subvencións de cooperación ao desenvolvemento é o resultado do traballo conxunto coa Coordinadora Galega de ONGDs. Este ano introdúcense algunhas modificacións para adaptar o texto ao Real Decreto 188/2025, do 11 de marzo, polo que se regulan as subvencións e axudas no ámbito da cooperación ao desenvolvemento sostible e a solidariedade global. Unha das novidades máis relevantes tén que ver co novo sistema de xustificación, xa que as entidades beneficiarias estarán exentas de presentar os xustificantes de gasto ou facturas xunto coa documentación xustificativa da axuda.
Tamén muda nesta convocatoria o prazo para a realización dos proxectos, que pasa a ser de 12 meses desde a concesión da subvención, e outórgase un prazo de tres meses para a xustificación da axuda, a contar esde a data de finalización da actuación subvencionada.
A convocatoria do ano pasado permitiu subvencionar 14 proxectos. Deles, catro desenvolvéronse en países africanos (dous en Guinea, un no Congo e o cuarto en Mozambique), e o resto en Latinoamérica. En concreto, houbo tres actuacións diferentes en Guatemala, dúas en Bolivia, outras dúas no Salvador, unha en República Dominicana, unha en Cuba e a última en Nicaragua. En canto ás temáticas dos proxectos obxecto da axuda municipal, a maioría estiveron relacionados co acceso á auga potable e o fortalecemento da soberanía alimentaria.







